A Palabra no Domingo XXV do Tempo Ordinario – Ciclo B

Primeira Lectura   Sab 2, 12. 17-20

Condenémolo a unha morte ignominiosa

LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA

            Dixeron os malvados:

            Espreitemos o home xusto que nos dá tanto noxo

e se opón aos nosos feitos,

botándonos na cara as transgresións da lei,

reprochándonos faltas da nosa educación.

            Examinemos se son veraces as súas razóns,

comprobemos como é o seu finar.

            Se o xusto é fillo de Deus, virá El acorrelo

e ceibarao da man dos seus inimigos.

            Poñámolo na proba da aldraxe e do tormento

para constatarmos a súa mansedume

e experimentarmos a súa resistenciaao mal!

            Condenémolo a unha morte ignominiosa,

pois, segundo el fala, terá quen o protexa!

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL   Sal 53, 3-4. 5. 6 e 8

R.: (6b)O Señor é quen sostén a miña vida.

Oh Deus, polo teu nome sálvame,

co teu poder faime xustiza.

Oh Deus, escoita a miña súplica,

atende as miñas palabras.

Érguense contra min homes soberbios,

homes violentos buscan a miña vida,

sen teren a Deus en conta.

Mais Deus é a miña axuda,

o Señor é quen sostén a miña vida.

Ofrecereiche un sacrificios voluntario,

enxalzarei, Señor, o teu nome que é bo.

Segunda Lectura   Sant 3, 16-4, 3

O froito da xustiza seméntase na paz para aqueles que cultivan a paz

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO

            Irmáns benqueridos:

            Onde hai receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades. Pola contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.

            De onde veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós? Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior?

            Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides e, se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as vosas cobizas.

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

ALELUIA   Cf. 2 Tes 2, 14

Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.

Deus chamounos por medio do Evanxeo,

para lograrmos a gloria do noso Señor Xesús Cristo.

Aleluia.

Evanxeo          Mc 9, 30-37

O Fillo do Home é entregado… Quen queira ser o primeiro ha ser o servidor de todos

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Naquel tempo, Xesús e mais os seus discípulos marcharon, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén, pois ía informando os discípulos dicíndolles:

            — Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.

            Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.

            Chegaron a Cafarnaúne, cando estaban na casa, preguntoulles:

            — De que viñades discutindo polo camiño?

            Eles calaron porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou,chamou polos Doce e díxolles:

            — O que queira ser o primeiro que sexa o derradeiro entre todos e o servidor de todos.

            Despois colleu un neno e púxoo no medio deles, abrazouno e díxolles:

            — Quen acolla no meu nome un destes nenosacólleme a mine quen me acolla a min non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.

                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *