A Palabra Domingo de Pentecostés

Primeira Lectura   Feit 2, 1-11

Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

            Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento que encheu toda a casa onde estaban e apareceron talmente coma linguas de lume que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles.

            Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.

            Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. Ao se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros:

  • Mira! E todos estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus.

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL   Sal 103, 1ab e 24 ac. 29bc-30. 31 e 34

R.: (30)Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.

Ou: Aleluia.

Alma miña, bendí o Señor.

Señor, meu Deus, ti es moi grande,

Cantas son, Señor, as túas obras.

A terra está chea das túas criaturas.

Retiras o teu alento e expiran,

volvendo ao seu po.

Mandas o teu alento e son creados,

e renovas a cara da terra.

Gloria ao Señor por sempre,

alégrese o Señor coas súas obras.

Que El acolla o meu cantar

e alegrareime eu no Señor.

Segunda Lectura   1 Cor 12, 3b-7. 12-13

A todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

            Irmáns:

            Ninguén que diga “renegado sexa Xesús” fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir “Xesús é o Señor”, se non é baixo o influxo do Espírito Santo.

            Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servizos, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.

            A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común.

Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo.

            Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo; tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

SECUENCIA                      

Ven, Espírito divino,

manda a túa luz do ceo.

Pai amoroso do pobre

don, nos teus dons xeneroso,

luz que penetra nas almas,

fonte de todo consolo.

Ven, hóspede desexado,

descanso do noso esforzo,

tregua no duro traballo,

brisa nas horas de afogo,

gozo que as bágoas enxuga

e reconforta na dor.

Entra ata o fondo da alma,

divina luz, e enriquécenos.

Mira o baleiro do home

se Ti lle faltas por dentro,

mira o que pode o pecado

cando falta o teu alento.

Lava en nós todo o manchado,

rega o árido e sedento,

sanda as feridas do pobo;

amolece o que está teso,

pon calor onde hai friaxe,

dános bo discernimento.

Reparte os teus sete dons

segundo a fe dos teus servos.

Segundo a túa bondade,

dálle ao esforzo o teu premio,

salva a quen busca salvarse

e dános o gozo eterno.

Amén. Aleluia.

ALELUIA

Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.

Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis;

e acende neles o lume do teu amor.

Aleluia.

Evanxeo   Xn 20, 19-23

Como me mandou a min o Pai, así vos mando eu a vós, recibide o Espírito Santo

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:

            — A paz sexa convosco.

            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.

            El díxolles outra vez:

            — A paz sexa convosco; coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

            E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:

            — Recibide o Espírito Santo; a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados e a quen llelos reteñades quedaranlles retidos.

                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo           

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *